O presidente do ente público visitou esta mañá as obras que mellorarán as condicións de traballo do sector profesional
Santiago, 18 de xaneiro de 2012.- Portos de Galicia prevé que as obras de ampliación da lonxa de Vilanova de Arousa, en Pontevedra, estean rematadas a finais do vindeiro mes de maio. Así o anunciou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita aos traballos nos que o seu departamento está a investir máis de 700.000 euros.
A ampliación da lonxa enmárcase nun proxecto de reordenación e reforma das infraestruturas de terra no peirao vilanovés, de cara a mellorar, en especial, as condicións de traballo do sector profesional. Neste sentido, ampliaranse os espacios dispoñibles para os traballo dos mariñeiros, tal como se consensuou coa confraría.
A actuación consiste, principalmente, no aumento da superficie da zona de subastas e a reforma do edificio cunha nova cuberta, que agrupe, nun único espazo, os dous volumen existentes. Con esto refórmase lixeiramente a zona administrativa, creando un mirador e unha pasarela en primeira planta para poder visitar a subasta dos produtos do mar sen entorpecer a actividade da lonxa. A nova superficie, construída e remodelada será de 757 metros cadrados.
Así mesmo, estes traballos incluirán a instalación da canalización de saneamento na explanada da lonxa. A rede extenderase dende o porto deportivo ata a marquesina ubicada no final do acceso á explanada, onde se ubica o colector municipal, co que quedará conectada.