As obras consisten na colocación dun pantalán para embarque e desembarque de pasaxeiros de 24 metros de lonxitude por catro de ancho paralelo ao peirao
• Irá unido por medio dunha pasarela perpendicular ao peirao de 20 metros de lonxitude e dous de ancho que facilitará o paso ao devandito pantalán de embarque
Santiago, 8 de xullo de 2010.- Portos de Galicia executa as obras de instalación dun pantalán para embarque de pasaxeiros no porto das Corbaceiras, cumprindo o compromiso efectuado polo presidente de Portos de Galicia de establecer un lugar para tráfico de pasaxeiros na ría de Pontevedra.
Na actualidade están a colocarse os pilotes que suxeitarán ao pantalán. As obras consisten na colocación dun pantalán para embarque e desembarque de pasaxeiros de 24 metros de lonxitude por cato de ancho, paralelo ao peirao das Corbaceiras, e que irá unido por medio dunha pasarela perpendicular ao peirao de 20 metros de lonxitude e dous de ancho que facilitará o paso ao devandito pantalán de embarque.
Recuperación do porto
As obras de recuperación do porto das Corbaceiras comezaron coa retirada de varias embarcacións abandonadas sobre a gran rampla do porto, a limpeza da maleza dos muros do peirao e da dársena portuaria.
A finalidade destas accións é a de recuperar para o uso cidadán un porto tradicionalmente histórico e emblemático para a cidade de Pontevedra, no que se ubica o histórico Gremio de Mareantes, a Escola de Piragüismo de Pontevedra e as futuras instalacións de Portos de Galicia en Pontevedra.
Recentemente remataron as obras de recuperación do antigo adoquinado do peirao das Corbaceiras nunha extensión duns 200 metros cadrados emprazados entre o eixo central da explanada e a marxe do río Lérez, nese lugar. A recuperación do resto da explanada realizarase gradualmente para non interferir na actividade dun espazo portuario tan importante para a cidade. Tamén foi retirado recentemente o antigo galpón metálico existente na explanada portuaria como unha acción mais de acondicionamento do porto e o seu entorno.




















