Esta actuación se levará a cabo en dúas fases terá un custo estimado duns 6,5 millóns de euros•Portos de Galicia considera fundamental realizar unha rexeneración da fronte marítima do porto mediante unha actuación que sexa un novo referente como punto de atracción da zona tanto dos visitantes como dos cidadáns
Santiago, 5 de agosto de 2010.- O presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana, presentou hoxe en Caión o proxecto de ampliación da superficie portuaria que dotará ao porto de Caión dunhas instalacións que mellorarán a capacidade do porto, tanto para o deposito de embarcacións como para outros usos da actividade portuaria.
Por outro lado, Portos de Galicia considera fundamental realizar unha rexeneración da fronte marítima do porto de Caión, mediante unha actuación que sexa un novo referente como punto de atracción da zona, tanto dos visitantes como dos cidadáns.
Polo tanto a actuación pretende lograr unha visión mais amable do porto e integradora co seu entorno, de xeito que mais alá de semellar simplemente unha nova explanada portuaria, configúrase como unha intervención singular que se converterá nun fito construtivo para o seu entorno, mediante creación de espazos públicos e de traballo de calidade que repercutan positivamente na imaxe visual e na integración do porto e do borde marítimo de Caión.
Esta actuación se levará a cabo en dúas fases. Nunha primeira actuación, sobre unha superficie de 2.900 metros cadrados, unificarase a actual explanada coa de nova creación mediante a demolición dunha parte do espaldón que se sustituirá por unha pasarela elevada e que será para uso público e conectará cun paseo que percorrerá a fronte marítima enlazando co paseo existente.
Os elementos construtivos serán tamén singulares, xa que logo, utilizaranse bloques cúbicos como os do dique de abrigo, que conformarán con diferentes configuracións, non só a propia protección da nova superficie, senón que mesmo os pavimentos e demais elementos auxiliares e de servizo aos usuarios. Esta 1ª fase suporá un investimento duns 3,5 millóns de euros e será licitada neste ano.
A segunda fase, valorada noutros 3 millóns de euros e que irá fora de terreos portuarios, acometerase tan pronto sexa adscrita a superficie de actuación. Consistirá fundamentalmente en completar as superficies da fase anterior e a definitiva conexión do paseo de borde co actualmente existente.




















