O presidente do ente público, José Juan Durán, visitou esta mañá as obras nas que a Consellería do Mar inviste máis de 700.000 euros
O organismo portuario xa remitiu toda a documentación necesaria para acreditar que o inmoble non afectará á liña do tren
Santiago, 28 de decembro de 2011.- Portos de Galicia trasladará aos novos responsables do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) a súa oferta de colaboración para desbloquear a construcción do edificio de servizos náuticos de Pontedeume. Así o afirmou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita ás obras nas que a Consellería do Mar, a través do seu departamento, inviste 709.000 euros.
Durán Hermida explicou que o organismo portuario xa remitiu a Adif a documentación preceptiva para acreditar que o inmoble e a súa entrada en servizo non afectará ao normal funcionamento da liña ferroviaria, pese á súa proximidade. Ante a falta da autorización da Administración central, Portos de Galicia reiterará ao novo Goberno a proposta de traballo conxunto para retomar as obras, actualmente paralizadas.
O proxecto da nave de deportes náutico recreativos de Pontedeume contempla unha superficie construída total de 730 metros cadrados dividida en dúas plantas. A primeira de 450 metros cadrados disporá principalmente de vestiarios e zona de almacenaxe de embarcacións e na segunda planta de 280 metros cadrados incluirase unha oficina, unha sala multiusos e un ximnasio. Este proxecto consensuouse co Concello de Pontedeume así como co Clube de Remo Firrete, da localidade.
O presidente de Portos de Galicia comprobou tamén a actuación de remodelación do bordo litoral de Pontedeume que o ente público rematou na pasada primavera. Esta actuación requeriu dun investimento de máis de 4 millóns de euros. A maior parte dese importe, un total de 2.943.000 euros, dedicáronse a un proxecto de urbanización e remodelación da zona portuaria, destinado a ligar o porto coa vila. Melloráronse os accesos e os servizos, e creáronse zonas de traballo e esparcemento, co obxectivo de lograr unha maior calidade de vida para os cidadáns.
Finalmente, o José Juan Durán anunciou que Portos de Galicia sacará próximamente a concurso a xestión da grúa para o sector profesional do peirao de Pontedeume.




















