O ente público presentou en Edimburgo un estudo da análise de hidrodinamica e esforzo de diques aboiantes de formigón
• Para esta análise tomouse como modelo un dique aboiante emprazado no porto de Baiona, na provincia de Pontevedra, no que se monitorizan os datos das mareas, oleaxe e da acción do mar, entre outros parámetros, para posteriormente utilizalos como modelos no laboratorio
• Este estudo estase levando a cabo en colaboración con técnicos do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) da Universidade de A Coruña
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2009.- Portos de Galicia presentou nestes días un estudo e análise da hidrodinámica e esforzo de diques aboiantes de formigón armado para coñecer cal é o seu comportamento e rango de aplicación. O obxectivo deste traballo é o de dar a coñecer que este tipo de solucións poden aplicarse con todas as garantías nas nosas costas mellorando o abrigo dos portos, cun menor custo e tamén un mínimo impacto ambiental, en relación con outro tipo de estruturas que se aplican habitualmente como son, os diques de abrigo e as escolleras que supoñen a creación de recheos na costa. Neste senso, Portos de Galicia está a facer un esforzo importante pola xestión sostible de infraestruturas, incorporando a I+D para mellorar e resolver, en cada caso, problemas tecnoloxicos dentro da aposta por unha enxeñería portuaria sostible.

















