Estas dúas actuacións supuxeron un investimento de 2.953.873,51 euros
• Ribadeo conta con 77 novas prazas de amarre no porto deportivo
• Coa dragaxe efectuada recuperáronse os calados de cinco metros no peirao comercial para o que foi preciso dragar un volume de 124.000 metros cúbicos
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2009.- Portos de Galicia ven de rematar as obras de mellora de seguridade vial e ampliación de atraques no peirao de Porcillán, e a dragaxe da canle de acceso ao peirao de Mirasol, ambas obras no porto de Ribadeo, na provincia de Lugo. O investimento destas actuacións foi de 2.953.873,51 euros.• Ribadeo conta con 77 novas prazas de amarre no porto deportivo
• Coa dragaxe efectuada recuperáronse os calados de cinco metros no peirao comercial para o que foi preciso dragar un volume de 124.000 metros cúbicos
A mellora da seguridade vial e ampliación dos atraques no peirao de Porcillán nace pola necesidade de ordenar a circulación no vial existente neste peirao e separar o tráfico rodado dos peóns, ademais de recoller unha nova ampliación das prazas de atraque debido á gran demanda existente neste porto. O investimento desta actuación foi de 530.031,96 euros.
As obras consistiron na realización dunha pasarela peonil de madeira duns 150 metros ao longo do cantil do peirao de Porcillán para evitar que os peóns coincidan co tráfico rodado nun vial moi estreito. Foi colocada sinalización horizontal e vertical e instalación de bandas redutoras no vial do peirao, reposición da barandiña por unha nova en aceiro inoxidable, e a creación de zonas de descanso mediante a instalación de bancadas de granito e xardineiras.
Por outra banda creáronse 77 novas prazas de atraque no porto deportivo, 48 prazas correspondentes a esloras de 6 metros, 28 prazas para esloras de 7 metros e unha praza para 16 metros, mediante a creación de tres novos pantaláns e a ampliación dun dos existentes cos seus respectivos brazos de amarre. Tamén se efectuou a dragaxe dunha pequena zona dos pantaláns ata un calado dun metro e a colocación dun pretil de granito para independizar a zona peonil dos viais. Cada pantalán leva equipos de seguridade compostos por extintores, aro salvavidas e botiquín de primeiros auxilios.
Dragaxe da canle de acceso
Por outra banda, remataron as obras de dragaxe da canle de acceso ao peirao de Mirasol, na súa segunda fase. Con esta actuación recuperáronse os calados de cinco metros no peirao comercial para o que foi preciso dragar un volume de 124.000 metros cúbicos. O investimento foi de 2.423.841,55 de euros.
Dita dragaxe foi efectuada con dous equipos de draga, o primeiro mediante a draga GARRANO e o segundo coa Viking R, de nacionalidade danesa, esta última traballou por succión, con posicionamento GPS tanto para a navegación, como para a extracción. Cabe destacar que a draga que realizou estes traballos ten unha capacidade de 1.000 metros cúbicos e unha eslora de 67 metros. É, en definitiva, a draga de máis rendemento que traballou para Portos de Galicia. O verquido dos produtos procedentes da dragaxe realízanse en alta mar a unha distancia de Mirasol de 24 millas aproximadamente.
Esta obra garantirá o calado suficiente para o atraque e transito adecuado das embarcacións mercantes que neste porto desenvolven as súas actividades. A diminución de calados é consecuencia da apreciable cantidade de area que se deposita procedente do centro da ría debido á erosión continua motivada polas fortes correntes que produce un basculamento do areal cara a zona de navegación e atraque. Estas obras foron realizadas nun rectángulo entre a bocana da entrada á dársena pesqueira no seu costado sur, e o final do peirao comercial de Mirasol nunha lonxitude de 494 metros e un ancho de 100 metros contados desde o cantil do peirao.




















